ActualidadeEsta actividade forma parte do programa Translatio, convocado pola Dirección
Xeral da Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, e que comezou a desenvolverse esta semana.
Un total de 350 mozos e mozas galegos poderán recrear, a través dunha ruta marítima, o mito da "translatio" do Apóstolo Santiago desde Palestina a Iria Flavia, para conseguir unha visión lúdica e participativa da xénese da historia relativa ao Xacobeo. Para iso, e entre outras actividades, o alumnado participa en rutas a bordo do drakkar Torres de Oeste.
Esta iniciativa inclúe actividades etnográficas, patrimoniais e ambientais, enmarcadas todas elas na Ruta Xacobea Arousá. Os seus obxectivos son identificar e valorar os recursos do contorno, o patrimonio natural e etnográfico, así como propiciar coñecemento sobre a xénese da historia relativa ao Xacobeo e aprender o manexo de elementos de cartografía e orientación no medio terrestre e marítimo. Para acadar estas metas, o programa inclúe actividades marítimo-pesqueiras a bordo do barco pesqueiro Chasula, xunto con visitas culturais e rutas ambientais en bicicleta. Ademais, os participantes coñecen a historia das invasións viquingas a bordo do drakkar por augas do Ulla, toman parte en obradoiros de meigas, e participan no gran xogo da oca peregrina. Así, as actividades son teóricas (de sensibilización coa problemática ambiental e cultural), prácticas (de intervención directa e de interiorización dos contidos) e lúdicas (para explotar os beneficios da convivencia).
O total de 350 prazas está distribuído en 8 quendas. As actividades realízanse de luns a xoves, desde o 25 de xaneiro ata o 25 de marzo.
Concello de Catoira - info@catoira.es
Concello, 6 - 36612 - Catoira (Pontevedra)
Tel.: 986 546 014 - Fax: 986 546 217